Sunday 05 de May de 2024

O concello inicia os traballos para levantar a duna de protección na praia de Riazor de cara á tempada invernal


A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán sinalou que por primeira vez a formación da barreira corresponderalle á nova empresa de limpeza FCC

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, anunciou esta mañá na praia de Riazor que o concello iniciou os traballos para levantar a duna que se coloca cada ano no areal como barreira de protección dese tramo do Paseo Marítimo. O obxectivo, dixo a concelleira, é minimizar o impacto dos temporais no tráfico e na circulación peonil.

O servizo municipal utiliza dúas máquinas bulldozer para realizar os traballos, que finalizarán en cinco días sempre que a meteoroloxía o permita. Fontán sinalou que por primeira vez a formación da barreira corresponderalle á nova empresa de limpeza FCC, e incluirá ademais a realización dun estudo por parte da empresa Aquatica co fin de mellorar a súa efectividade. A duna terá unha altura de 2,5 metros de altura, o que lle permitirá á cidadanía seguir contemplando o mar. Desde a liña de paseo até a duna hai unha separación de doce metros e medio.

Fontán lembrou que é habitual que a duna teña que se reconstruír durante a tempada invernal, polo menos nunha ou dúas ocasións. “O mar ten máis forza ca nós, pero o concello está preparado”, apuntou.

Este tipo de duna levantouse por vez primeira en 1995 como resposta ao violento temporal que derribou a balaustrada do Paseo Marítimo. O risco de que o mar rebase a duna depende fundamentalmente da altura e dirección da ondada, intensidade e dirección do vento, e dos niveis da preamar. As situacións máis perigosas de subida da auga ao Paseo Marítimo e mesmo ás vías danse cando conflúen mareas vivas con temporais do noroeste, algo que se dá entre unha e tres veces máximo en cada tempada.
Doutra banda, a Concellería de Medio Ambiente estuda reforzar a limpeza e desinfección na contorna dos centros escolares e mercados de abastos ante a crise sanitaria que está a vivir a cidade cun aumento de persoas contaxiadas. Fontán sinalou que os traballos de limpeza son exhaustivos en toda a cidade e pediulle á veciñanza colaboración nas tarefas de mantemento.